Tuesday 14 de May de 2024

A piscina municipal do Muíño abre as súas portas


Inaugurouse a nova tempada con importantes novidades, como o chan antideslizante colocado arredor dos vasos. Ata o 10 de setembro e de 11 a 21 horas o público poderá desfrutar deste espazo de lecer

Non é esaxerado dicir que foi un dos días máis esperados por moitos dos veciños e veciñas de Ordes. Arracou a tempada de verán na piscina do municipal do Muíno e decenas de persoas desfrutaron dunha xornada na que as altas temperaturas fixeron do baño unha das mellores opcións para pasar a xornada. Así, ata o vindeiro 10 de setembro nun horario interrumpido que vai de 11 a 21 horas este será o principal espazo de lecer non só para o pobo senón para moitos outros achegados da comarca. Como novidades este ano destaca a instalación dunh ampla capa antideslizante colocada arredor do vaso principal e do máis pequeno, co fin de evitar caídas e lesións. Tamén é notable a reestruturación da zona da cafetería.

Ata o 23 de xuño estará aberta a inscrición para participar nos cursos de natación que terán lugar nas mesmas instalacións en xullo e agosto. As persoas interesadas a partir de 3 anos deberán apuntarse na Concellería de Deportes de 9 a 14 horas. Os prezos oscilan de 30 a 20 € mensuais segundo sexan maiores de 16 anos ou non. As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá. O aboamento desta tarifa concede o dereito de poder utilizar as instalacións da piscina durante o mes correspondente, tendo descontos do 50% para as familias numerosas.

Quen desexe facer un carné para esta tempada deberá solicitalo igoalmente na Concellería de Deportes. Será preciso que ademais dos seus datos persoais achegue tamén unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas o custo para toda a tempada será de 20 € e para as menores 12 €. Tamén se poderá adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 € respectivamente. No caso de xuño esta contía reducirase a 2,6 e 5,2 €, mentres que en setembro será de 2,2 e 4,4 €, segundo sexan para menores ou maiores. Os prezos para adquirir entradas por xornadas soltas será de 1,50 € para as persoas adultas e de 1 € para os nenos e nenas.